<$BlogRSDUrl$>

jeudi, décembre 30, 2004

De viaxe. A outra noite subín moi, moi alto, toquei o ceo e vinlle de cerca a cara a Deus. E gustoume.

Superándoo a duras penas
(Hardly getting over it, Hüsker Dü, 1988)

Hai vinte anos vin un amigo que paseaba.
Pareino na rúa e pregunteille como lle ía, e o único que fixo foi chorar.
Mireino á cara, pero non puiden ver máis alá dos seus ollos.
Pregunteille cal era o problema, e díxome "aquí está o teu disfraz".

Agora está superándoo a duras penas,
a duras penas afacéndose a superalo.

Un vello está deitado nas vías do tren.
Non ten papeis no peto, non ten papeis nas costas.
Pregunteille pola hora, e díxome "tira millas, tío".
Volvín para velo a semana seguinte, e morrera dun ataque ao corazón, e morrera.

Agora está superándoo a duras penas,
a duras penas afacéndose a superalo.

A avoa enfermou, e vai morrer,
e o avó tivo un ataque, mudouse á habitación dun hotel e morreu alá.
Os meus pais, o único que fan é preguntarse cando morrerán.
E que vou facer eu cando morran?

Agora estou superándoo a duras penas
A duras penas afacéndome a superalo.




"Primeiro fomos o grupo máis rápido dos Estados Unidos, logo o mellor grupo do mundo e despois desfixémonos"



Unha de política. Hoxe aprobaron o plan Ibarretxe. España vai ao tacho, disca. Menos mal que aínda quedan tipos coma Pavochungo, co que cearei esta noite.

Temperamento
(Los de la Torre)

Ya llegaron las lindas vikingas
que vienen de lejos en busca del sol.
Y los chicos ya estamos dispuestos
a darles de nuevo un poco de amor.

¡Qué de romances habrá
llenos de fuego y pasión!
Con nuestro temperamento, olé y olé,
temperamento español.
Con nuestro temperamento, olé y olé,
temperamento español.

Ya llegaron las lindas vikingas
que en traje de baño están de impresión.
Y los chicos ya estamos dispuestos
a hacernos los dueños de su corazón.

¡Qué de romances habrá
llenos de fuego y pasión!
Con nuestro temperamento, olé y olé,
temperamento español.
Con nuestro temperamento, olé y olé,
temperamento español.




lundi, décembre 27, 2004

Oh, God, how I love to hate. Por veces encallo nunha idea e o único do que teño ganas é de pegarlle unha puñada ao espello retrovisor do coche ata que se desprenda do vidro. Ultimamente, as máis mínimas cousas fanme sentir coma un paleto burro e celoso. Así que se queren levarse ben comigo non me falen de farras nocturnas, do pasado, do CBGB, de Sunset Boulevard, do Agapo, da Factoría e do Superfuzz; de drogas, de cápsulas, pos e papeis secantes que non souben apreciar no seu momento; de parellas e chismes varios; de éxitos profesionais, de vivir no estranxeiro, de viaxes exóticas; do sexo e das infinitas maneiras de practicalo; da diferencia entre os coches italianos e os alemáns; de guitarras, de vatios, de válvulas, de humbuckers e de bendings; de cine, máis alá de Leslie Nielsen; de fútbol sudamericano ou do ben que xogaba Brasil no ano 1970; de libros, en calquera das súas presentacións; de power pop, de krautrock, de grupos escuros de garaxe sesenteiro. Se queren levarse ben comigo calen a puta boca e non me digan nada, porque poderían facerme sentir coma o que realmente debo de ser, un pedazo de merda envolto en papel de celofán. Xa ven, son un tipo con moita conversa...

Conseguíchelo
(You got it, Mudhoney, )

Disque o conseguiches
Direi que o conseguiches
Conseguíchelo!
Conseguíchelo ben!
Conseguíchelo!
Non podes gardalo
É normal
Pero eu non o quero

Regálalo como en mostras gratuítas
Pero eu non quero o que todo o mundo pode ter
Conseguíchelo
Si, conseguíchelo!
E que?
Quítamo de diante da cara

Só porque o conseguiches
Cres que todo o mundo te quere
Conseguíchelo
E cres que é suficiente
Conseguíchelo
Que ben que o conseguiches
Que te fodan
E quítamo de diante da cara



Feísmo de Seattle; Pepe, prende a paleadora.




samedi, décembre 25, 2004

Botando por fóra. A mellor canción da historia da música pop é Let's go away for awhile, dos Beach Boys. Ala.


A cea. Ela desespiña un pedazo de bacallau para el, que mira para o prato fixamente, soportando coas costas ríxidas os despoxos dun rapaz que, só medio século antes, peiteaba o tupé cara atrás sobre o capó dun Citroën Balilla, coma un Eddie Cochran rural. Ela fai algunha broma triste, e el quizá contesta cun "si", ou quizá non. Pelexan cando ela lle dá os medicamentos; el cospe a primeira cápsula, pero traga obediente a segunda. En dez minutos escoitará unha orquesta química na súa cabeza; sentirase o rei do mundo, e falará coma un actor de telefilme de cuarta; viaxará polas feiras de media comarca e buceará no océano na busca de salmonetes, el que nunca soubo nadar; logo, os seus ollos tinxiranse de añil e de rancor, e non entenderá nada, e acusaraa con furia de burlarse del; escoitará cada un dos sons da rúa perforando os seus oídos coma un punzón, e enrugará a fronte coa dor. Ela temerao desde o fondo dos seus ollos azuis porque non o recoñece, porque sabe que por momentos el non é el, é outro, ou ninguén, ou ningún. Finalmente, sobre o sofá, el durmirá vacío un soño lisérxico de ovellas e queixos e llantas de metal e familias perfectas e militares nun depósito de augas africano e vidas que non viviu, sen preguntarse que demos está pasando, sen saber por que demos está pasando todo isto.

Coma Romeo e Xulieta
(Just like Romeo and Juliet, The Reflections, 1964)

Vou atopar traballo mañá pola mañá
Hai algo que quero facer
Vou comprar algo que poida conducir
Para levar a miña moza ao drive-in
O noso amor vai quedar escrito na historia
Xusto coma Romeo e Xulieta

Voulle comprar regalos bonitos
Coma eses que veñen nos catálogos
Voulle demostrar canto a quero
Vouna convencer dun xeito ou doutro
O noso amor vai quedar escrito na historia
Xusto coma Romeo e Xulieta

Ah, vale, agora estoulle dando voltas á cabeza
Preguntándome que vai traer realmente o futuro
Se non atopo traballo mañá
O que vai haber son ataques ao corazón e tristeza
O noso amor vaise destruír coma nunha traxedia
Xusto coma Romeo e Xulieta

Xusto coma Romeo e Xulieta




jeudi, décembre 23, 2004

What a total disaster. Bueno, de acordo, son un puto desastre. Pedín regalos de aniversario un mes antes de que chegase (confeso que me equivoquei de data) e agora expóñoos case un mes despois de que pasase. É certo, todonada, a data quedaba a mediados de decembro. Pero en fin, aí van. Grazas por todos. Portádesvos de marabilla comigo.

Contra, que me regala un inédito (jodersus, blogadictos!), e Kate pórtanse:

Contra: Creo que conecto con jsol por varias razones. A los dos nos gusta el fútbol, y casi más que el fútbol, leer sobre el fútbol y otros deportes. A los dos nos hubiera gustado tener patillas pero no nos crecen y los dos amamos las melodías bonitas. Otras nos separan: él es punkpop y yo deprepop, él es alto y yo bajito, el es un chaval y yo un señor, él toca la guitarra y yo no.
Veo su lista de canciones y ahí está todo: la afinidad y lo desconocido, la cercanía y el misterio, la admiración y la empatía, incluso el petulante eso ya lo he vivido. La primera que leí fue Isolation, en abril de 2004. Luego ya lo he seguido siempre. Hoy, esta mañana, he leído por primera vez los archivos: desde el inicio hasta ese mes. Lo he leído de otra manera porque ya le conozco, y eso cambia mucho las cosas. Aunque, como me pasa con casi todos los diaristas y commentaristas, a menudo me resultan más reales aquí que en persona. Creo que me resisto a desembarazarme de los personajes. Es tan excitante la pseudoficción…

Kate: Que se coce na cociña de Jean Sol Partre? Por que un día lle deu por facer un blog e vomitar todo o que non vomitaba fóra del?
O caso é que desde que o descubrín, é certo que xa non o puiden deixar de ler. Confeso que paso por alto algunhas letras de cancións, pero é que che son moi vagoneta.
Tes razón que é unha forma indirecta de achegarse máis ós que xa te coñecen, ó mellor hai moito de postureo no que dis, pero dáme a min que queres dicir o que dis e que ó mellor non o dirías fóra de aí (quizá só tomando unhas fantas...) O caso é que coñecín a persoa un pouco máis a través de Jean Sol. Grazas Jacarezinho, e sobre todo Cesare, por amosarme este submundo. Confeso que me chocou moitirmo cando me dixeron que tiñas un blog, pero logo vinlle a lóxica. E alédome moito de que xa pasase un ano. Ogallá sigas sendo constante e dures moito, que ás veces, só ás veces, boto unhas risas. A maioría das veces deprímome, pero iso é cousa miña. E outras contáxiasme a rabia, pero tamén debe de ser que escribes xusto o que a min me gustaría saber escribir desa maneira. En fin, CUMPLEAÑOS TOTAL!

María regálame unha faltada: "Si home si, un ano... Eu o primeiro post que vexo aquí é do 16 de decembro, aínda che falta mes e medio para cumprir! Pero se queres parabéns, pois parabéns, jean-sol".

Ra promete "algo máis currado" que o "no volveré a comer Tosta Rica en clase" que lle fixo a contra; dado que hai aproximadamente un mes que di que non me fala (e dimo a min, así que non entendo nada), o asunto é acertadísimo:

He decidido que no te quiero ver,
he decidido que no te quiero ver.
Estoy cansado de oírte protestar,
estoy cansado de oírte protestar.
Adelante chilla cuanto quieras, eso no me va impresionar.
Adelante grita cuanto puedas,
estoy acostumbrado ya.

Y cuando dices : "tienes que comprender",
es increíble, nunca vi nadie que lo hiciera tan bien.

Estoy cansado de oírte protestar
estoy cansado de oírte protestar,
adelante chilla cuanto puedas, eso no me va impresionar,
estoy acostumbrado ya.

punk, los planetas, pop, rca, 1996

Siloam escríbeme: "Yo hace solo unos meses que te leo, y siempre vuelvo, a leer canciones y tus textos, tan, tan..., y las sugerencias y fotos. Felicidades al paneta jean-sol y sus satélites".

Peke, que por razóns alleas á súa vontade tomou unha decisión que a min quizá me viría ben, dime: "Felicidades, Jean-Sol. Eu de música pouco podo opinar, porque hai ben tempo que me molesta escoitala. Pero gústame pasar por aquí un par de veces á semana e ler cómo che vai".

Hai quen me regala xogos para liberar a mala baba, caso de Xesús Fraga e o seu "tuno bueno el tuno muerto".

Opaco e Slayer atrévense coas músicas: o primeiro di que se queda coas "destes dous últimos meses, desde Teenage Fanclub... e as que máis, gústanme as túas traduccións dos Clash"; o áxil guitarrista de Donramiro aposta polo "mes de Xuño do 2004. !Pero mira que eres punki!".

Porquiño envíame unha páxina para perderse.

Por último, a ilustración: Roi, inimigo dos guitarristas, mandoume un precioso logo dos Póllegros. Grazas, grazas, grazas, a él e a todos vós.



Mua.

Vivir para sempre
(Live forever, de Oasis)

Ao mellor non quero saber
Como medra o teu xardín
Só quero voar
Sentiches ultimamente a dor
Na chuvia da mañá
Mentres te cala ata os ósos?

Quizá só quero voar
Quero vivir, non quero morrer
Quizá só quero alentar
Quizá simplemente non creo
Quizá es igual que min
Vemos cousas que eles nunca verán
Ti e máis eu imos vivir para sempre

Ao mellor non quero saber
Como medra o teu xardín
Só quero voar
Sentiches ultimamente a dor
Na chuvia da mañá
Mentres de cala ata os ósos?

Quizá nunca vaia ser
Todas as cousas que quero ser
Pero non é o momento de chorar
É o momento de saber por que
Creo que es igual que min
Vemos cousas que eles nunca verán
Ti e máis eu imos vivir para sempre
Imos vivir para sempre

Vivir para sempre
Para sempre




Abre os ollos. Vale, jean-sol: ao final de todo debe de ser un problema de perspectiva. Equivocadamente levas demasiado tempo poñendo as túas conneries en primeiro plano, dándote fumes de maldito que non mereces, pensando que as tronadas que tanto te preocupan che son exclusivas, abrasando a xente coa insignificancia da túa vida, refuxiándote baixo as sabas e pensando que o mundo xira arredor de ti. E o mundo, nin sequera o teu mundo, deixará de xirar xamais. Así que cala dunha puta vez.

Empezar
(Start, dos Mega City Four, 1989)

Hai un gran burato onde deberían estar os teus soños
esperando a que o enchan,
e ti corres cos ollos pechados
e moi rápido vas esquecerte,
e eu perderei outro amigo e gañarei un
"como estás? Hai anos que non te vexo!"

Hai un burato vacío fronte a ti,
e se eu fose ti saltaría,
pero é a túa decisión, ti decides,
e eu gárdome a miña conciencia.
Non che digo que o que é bo para min
sirva igual para ti.
Todo o que digo é que non peches o corazón,
e así non necesitarás os ollos
para volver empezar.
Nunca necesitarás os ollos
para volver empezar.




samedi, décembre 11, 2004

Rebirth the hardcore pride. Dentro dun pedazo, ás dez da noite, Samesugas e Pollegros desfaranche o tupé no Mardi Gras da Coruña... Punk e hardcore cun 30% máis de amor!!!

Nova dirección
(New direction, Gorilla Biscuits, 1989)

Que queres dicir con iso de que xa é tempo,
de que xa é tempo de que eu medre?
Só se trata de seguir o meu corazón!
Os novos rapaces corren,
saen pola porta de atrás rápido,
e os grupos que viñeron antes
tiñan o olfato afinado,
pretendendo preocuparse pola escena
só porque os nosos cartos son verdes.
Direiche que facer stage diving
faime sentir máis vivo
que as mensaxes encriptadas
das cancións ralentizadas.

Seica agora te avergoñas...
Agora eu avergóñome de ti!
Criamos nas mesmas cousas
Bótaste a un lado...
Que reviva o orgullo do hardcore!
Todo foi real,
que mal que non poidas ver
todas as boas cousas que eu vexo.

Volvamos.
Volvamos aos días nos que eu esperaba
para ver tocar as vellas bandas.
Non me pareceron días perdidos.
Eu era tan sincero,
pero agora véxoo con máis claridade:
a música só funciona para eles,
non para min.
Así que digo:
descubrámonos ante os grupos que cambian,
boa sorte, tomade o voso propio camiño,
pero por que tocar para nós
se non lle poñedes o corazón?
Porque o que pode parecer estúpido para ti
estame batendo forte no corazón.

Seica agora te avergoñas...
Agora eu avergóñome de ti!
Criamos nas mesmas cousas
Bótaste a un lado...
Que reviva o orgullo do hardcore!
Todo foi real,
que mal que non poidas ver,
non, non tes a puta capacidade de velo.

Agora volves as costas.
Dixeches: "Non quero saber nada nunca máis".
Atacas os vellos amigos.
E a nosa dor non está ao teu alcance.
Non o cachas, verdade?
Novo escenario, novas ideas...
Non tes por que excusarte para nós!
Sento aquí e miro atrás, e estou asustado:
non botes a perder os recordos
de como foron as cousas.



Síntoo, pero sigo under their influence!!!



jeudi, décembre 09, 2004

Especies de espazos. Disculpen vostedes esta interrupción no fluxo de chorradas que cada certo tempo dispensa a cociña de jean-sol partre. Non teño internet en Bethesda, e estou de vacacións, así que non poido estafarlle teléfono e tempo á empresa que me dá de comer. O que si poido facer é de bricómano afeccionado, e xa era hora, porque o meu caserón empezaba a parecer, despois dun mes soportándome, un cortello ou unha granxa da Coren. Hoxe tiven o valor suficiente para armar dúas estanterías e colocar os libros -puta cultura, o que pesa e o que ocupa- que ata agora tiña ciscados polo parqué. Non se crean que tiña moita gana: parecíame unha tarefa ciclópea, bastante desagradable e un pouco dolorosa. É algo parecido a mirarse detidamente ao espello: un non ve máis que calvas e peles colgando. E foime bastante mellor do esperado, en parte grazas a un disco de Tequila que reservo para as ocasións especialmente duras. Con Stivel, Roth e compañía de fondo, decidín non montarme a palla mental que me dá cada vez que clasifico tomos, discos ou calquera cousa. Entre Nick Hornby e Georges Perec fixeron de min un maniático de cojones cando de ordenar coleccións se trata. Puxen os libros por orde alfabética estrita, da A á Z, separando unicamente os de música e as guías de viaxes. E o caso é que aínda botei unhas risas trasladando tomos dun estante a outro máis baixo -DeLillo empezou de primeiro e acabou nunha das últimas baldas do moble#1- e vendo como se emparellaban os volumes. Algúns quedaron nunha posición que realmente dá peniña: En la oscuridad, de Ian Rankin, queda xusto entre un de Rábade Paredes que non lin nin lerei en bastante tempo e a historia dun equipo de balonmán redactada co inconfundible estilo yaqueísta do meu compañeiro de pupitre; as letras completas dos Resentidos descansan agora entre Crime en Compostela e unha infame novela de vampiros de Anne Rice -malditas coleccións dos periódicos-; o exemplar de época do Principiño que me lía na cama a miña mai cando eu non levantaba máis de dúas cuartas do chao quedou entre algo indeterminado de Euloxio Rodríguez Ruibal e un troncho infumable do padre Sarmiento -si, amigos, eu tamén teño os libros da Voz de Galicia-. Outros encartes non deixan de ter a súa graza: Alfredo Conde -toquen a fibela do cinto, que dá mala sorte nomealo- anda entre O corazón da escuridade de Conrad e O último mohicano de Fenimore Cooper; Auster, entre Asimov e Avilés de Taramancos; as obras completas de Jaureguízar apóianse nunha biografía de Churchill do laborista Roy Jenkins; a letra k demostra o seu poderío cunha serie incontestable de Kafka, Kapuscinski, Stephen King -este tamén, non vai de coña- e Kureishi; Hornby queda ben escoltado entre O talento de mr. Ripley e Juventud sin dios, de Ödön Von Horváth; Novoneyra, despois de que lle fixesen a parcelaria, anda acobardado entre a Homenaxe a Catalunya de Orwell e os Gángsters de Chicago de Walter Noble Burns.

E para rematar esta pendatada de post, o que máis arrepentimento me produce desde hai meses, un guiño aos colegas: Ameixeiras, estás entre Amado Carballo e Anxo Angueira, a ver se se che pega algo de delicadeza; Fraga, quedaches encaixonado contra David Foster Wallace e, un pouco máis alá, Richard Ford. Quererá dicir algo?

Ala, agora vexan para que me serve unha biblioteca tan fetén. Cero en aproveitamento...

Dime que me quieres
(Tequila)

Hay una cosa que te quiero decir
que es importante al menos para mí.
Toda la noche estuve sin dormir
porque una frase de tu boca quiero escuchar.

Ah, dime que me quieres.
Ah, dime que me quieres.

Ahora estoy triste y necesito saber
si tu me quieres de verdad, como ayer.
Aunque parezca tonto voy a pedirte
que me lo repitas una vez y otra vez.

Ah, dime que me quieres.
Ah, dime que me quieres.

Me costó mucho y al final decidí
ir a tu casa y ahora estoy frente a ti,
quiero escucharlo y no me importa rogarte
por favor no juegues con mi corazón.

Hay una cosa que te quiero decir
que es importante al menos para mí.
Son dos palabras para hacerme feliz, oh
dímelo al oído una vez y otra vez.

Ah, dime que me quieres.
Ah, dime que me quieres.

Oh, dime nena, oh dime nena,
oh, dime que me quieres
Ah, dime que me quieres
Ah, dime que me quieres



Alguén por aí pode ir pensando en facer unha versión destes chorbos...




mercredi, décembre 01, 2004

Coñecelo é amalo. Música roñica, unha pota vespertina en Bethesda, a noticia retardada -nunca me entero de nada- dun amago de agresión, un baño en auga sucia e tépeda, tres cortes na cara co afeitado, catro trastes que se fan eternos, programas de televisión incomprensibles, kebaps abrasadores, cervexa dulzona e sen alcol, un tropezón nun parque xeado, dor no peito que se celebra con outro pitillo, o sitio equivocado, atascos insoportables, mudez repentina e obrigatoria, uns recibos que se extravían, a conta de aforros que adelgaza estoupando da risa, unha montaña rusa na azotea, vapor seco e as páxinas retortas dun libro húmido, unha manta que cheira e un iogur desnatado e caducado, mil chamadas que non chegan e a conclusión de que se non chegan é por algo, unha conversa demasiado longa, noticias cabreantes no correo, demasiado tempo libre e horas que non dan pasado, un sorriso estúpido, ganas de levar unhas ostias e a imaxe dun cable pelado botando chispas e pegando latigazos sobre as baldosas gravada entre os ollos.

Que no sea Kang, por favor
(Los Planetas, 2000)

Si por casualidad alguien oyera esto
y dentro de mil años existiera algún invento
que le permita desplazarse por el tiempo,
que venga a salvarnos mientras pueda hacerlo.

Pero mis palabras se las habrá llevado el viento
y no habrá servido de nada todo el esfuerzo.
O bien no queda nadie en el futuro para hacerlo
y Kang es el señor de todo el universo,
y tiene a la antorcha humana
en un bloque de cemento.
Ni siquiera la alianza
ha podido detenerlo.
Y se acaba la película
y los malos van venciendo.
Y si alguien del futuro
casualmente oyera esto,
que venga a salvarnos,
que me salve a mí primero,
que me salve a mí primero.




This page is powered by Blogger. Isn't yours?